Acontecido con lobo.


Non sei se sabe da historia do que chamaban faíscas, Sechu Gondar, mariñeiro de orixe humilde, do barrio máis ao norte das terras de O Grove. Son as zonas que alí chaman de "katanga" (dun xeito algo despectivo) os que viven en San Martiño, sé do concello. Pois ben, contan deste Gondar, que vivíu hai xa anos, que foi o máis grande bailador de buxainas que nunca se víu. Que mesmo tiña un callo na palma da mao especial, tecido por millóns de voltas enfebrecidas da buxaina na palma. Tan pulido e duro que a quen lle daba unha labazada de rapaz, deixáballe unha marca moi particular, estraña, moi semellante aos petroglifos atopados nos outeiros do Morrazo. O seu alcume debíallo a un acontecido que contaban del.
Disque unha noite topou co lobo (xa sería outra besta, porque lobos no Grove non se teñen documentado. Pero bueno, xa se sabe como son os contos. Poñamos que fose un tigre, unha pantera...) baixando do outeiro da Siradella. Seica salvou a vida gracias á súa afición ás buxainas. Como non tiña con que defenderse, tirou a buxaina do peto, dispacio... o lobo fitaba cara el cunha expresión teimuda; atoulle a corda (nó grovense-doble reviricho-lazo inghlés no dedo medio), apretou, secou a suor coa manga esquerda, despacio... o lobo fincou as poutas un chisco, como para saltarlle enriba.
Lanzou, coma nunca o fixera. A buxaina xirou no ar e, antes de caer ao chan, Sechu fixo o movemento co que tiña gañado moitos concursos: mandou a man dereita coma un lóstrego, os labirintos de pedra esculpidos na palma petaron coa punta de ferro do seu peón caseiro, pintado de mil cores, e produciuse o fenómeno. Primeiro unha lene faísca, coma de chisqueiro, pero que co efecto do xiro sostido foi a máis, todo un río de lus, unha lus intensa, entre amarela e azulada, que trazaba traxectorias circulares e desprendía faíscas que aínda saltaban no chan sen rematar de apagarse; unha lus que algúns dixeron ver desde os pisos altos do Monte da Vila.O lobo non se atreveu coa lus. Dáballe un non sei que achegarse.E aquí está o máis incrible. Sechu Gondar tivo que baixar todo o camiño da Siradella até o seu barrio, varios kilómetros de camiño a pé, coa lus acesa. O peon xerador non deixou de xirar todo aquel tempo sobre a súa man.

Xa na casa, na porta, Sechu virou as costas. Levaba a lus acesa na man; o peon xirando. Custoulle un momento acostumar os ollos á escuridade e mirou para o lobo, que o seguira.
Estaba alí, apostado, mirábao de fite ne fite, agardando o seu momento.
- Boas noites - dixo. Parou o peón coa man esquerda e apagou a lus.
Extracto do arquivo epistolar do Doutor Facundo Cicerón Díaz Rondón. Persoeiros e acontecidos do Camiño de Santiago. Do Acibo ao Morrazo. Ed. Hermes. Bos Aires, 1946. páx. 45-47

1 comentario:

Anónimo dijo...

Terás un pión ou buxaina desas, meu home, que a gañaches.

Asinado: O lobo.