Plurilingüismo: outro camiño é posible

Hai uns días, o venres 19 de abril, tiven a honra de compartir unha táboa de experiencias no marco dos XV Encontros para a normalización lingüística. Falamos da realidade que - sobre a didáctica das linguas - percibimos nos centros educativos desde os diferentes ángulos que nos proporcionaban os variados perfís dos/as participantes.

E compartimos basicamente preocupación, porque a realidade que nos ilustraron Ana e Begoña (nais de alumnos) acerca do ensino das linguas que recibían os seus fillos era francamente preocupante. As apreciacións de Belén Escariz (profesora de infantil nun colexio público do Morrazo) e tamén as de Manuel García (profesor nun centro concertado de Compostela) incidían na mesma liña. As confusas liñas mestras da política educativa a respecto do uso e da didáctica das linguas nos centros de ensino nos remitía ao título da comunicación previa de Mariló Candedo: " Cara onde se leva o galego no sistema educativo?"

E aínda por riba eu tiña o encargo de achegar un chisco de optimismo da man do TIL (Tratamento Integrado da didáctica das Linguas) nos centros educativos, un camiño posible.

Rescato aquí tres ideas clave que intentei comentar no tempo mínimo do que dispuñamos. Ideas que queren ser constructivas. Ideas para irmos pensando nese outro camiño posible.

1) Primeira idea: Todos os centros son plurilingües
Plurilingües somos as persoas, non os centros, nin os lugares... mais se tomamos en conta ese plurilingüismo que se dá cita nos centros educativos, onde conflúen centos de persoas que falan, entenden e coñecen moitas linguas, entón si poderiamos dicir que, nese sentido, os centros educativos son profundamente plurilingües. Pero todos o son. Non os hai que non o sexan. O que sí hai son centros onde se vive de costas a esta realidade. Hainos tamén onde se implementan métodos de moi discutible eficacia para aprender linguas en xeral.

2) Segunda idea: Cuestión de metodoloxía
Este carácter plurilingüe é característico do xénero humano pero non é tratado do mesmo xeito en todas as sociedades. Hai lugares, moitos, onde se procura o contrario, a unificación lingüística. O noso entorno xeopolítico, a Comunidade Europea, pola contra, aposta claramente polo respeto, por fornecer dunha competencia comunicativa plurilingüe aos cidadáns como unha das apostas máis firmes para o desenvolvemento da sociedade. É precisamente ao abeiro da normativa europea onde se enmarcan as normativas normalizadoras das linguas minoritarias  (no seu número de falantes) e moitas veces minorizadas (no seu uso e valoración), caso da nosa lingua.

É neste contexto onde se enmarcan propostas pedagóxicas de innegable valor. A metodoloxía AICLE (Aprendizaxe Integrada de Contidos e Linguas) que sustenta as chamadas "Seccións bilingües", por exemplo, e o xa mencionado TIL, poderían fornecer ao profesorado de estratexias para mellorar as prácticas tradicionais de ensino de linguas que, as máis das veces, non acadan resultados valiosos.

Porén, estas propostas metodolóxicas, cando non se artellan correctamente, resultan inútiles - cando non prexudiciais - para os fins que perseguen. Dito doutro xeito: unha mala clase aínda o é peor se se imparte, por exemplo, nunha lingua estranxeira.

3) Terceira idea: O galego é a cerna do plurilingüismo galego
Esta é a idea clave. A nosa competencia comunicativa non depende tanto das linguas que coñecemos ou que somos capaces de utilizar canto da nosa capacidade para comunicarnos. Trátase máis ben dunha competencia común a todas as linguas que coñecemos, un sustrato menos visible e relacionado con moitos aspectos alén das linguas (pragmáticos, culturais...). Esta competencia común debería ser obxecto de atención para o profesorado de linguas. Debería ser a nosa ocupación compartida.

E aquí ven a clave: hai un punto de apoio para o desenvolvemento desta competencia comunicativa. E non é outro que a nosa lingua. A capacidade esencial de comunicarnos e de aprender a facelo en diferentes linguas medra e se desenvolve, como as pólas do castiñeiro, a partires do tronco, apoiándose nun primeiro coñecemento, nunha lingua primeira. É a cerna da competencia lingüística de cada quen: a súa lingua.

Os galegos temos unha lingua de noso. A cerna do noso plurilingüismo é a lingua galega. O ensino das linguas debería estar lonxe de repartos horarios, de desnortadas traducións ao inglés de aulas anticuadas, tanto como das insufribles didácticas forenses que aínda se practican en moitas aulas de galego e de castelán. As linguas deberían ter un tratamento integrado (entre elas e máis con outras áreas) na súa didáctica, respetuoso e - no caso dos alumnos e alumnas galegos - firmemente apoiado na lingua galega: a cerna do noso plurilingüismo.

Hai outro camiño posible. É este.

No hay comentarios: